Festividade Letras Galegas 2015

Filgueira_ValverdeO pasado domingo 17 de maio, como estaba previsto, celebrouse o día das LETRAS GALEGAS, organizado pola Asociación Cultural “Aira das Mantas” de Maceda, que este ano estivo adicado ó escritor José Fernando Filgueira Valverde.

Os actos que tiveron lugar, baixo un sol de xustiza que luciu ó longo de todo o día, foron os seguintes:

Ás 12 da mañá, na praza das Toldas de Maceda, a apertura da 6ª Feira do Libro en galego, coa colaboración da librería EIXO; así como a apertura dos diferentes postos de ARTESANÍA GALEGA (traxes e instrumentos tradicionais; manufacturas en cristal e diferentes complementos; obxectos de cerámica popular…)

Actuaron os grupos CHOUTEIROS, DEBANADOIRA e MAÇAEDA DE LIMIA.

Xa pola tarde, a partir das 5:30 h., actuaron a banda de gaitas A.C. OS XUNCOS, e as PANDERETEIRAS DA MARÍA.

Deseguido, Fran Guede, transformouse nun Contacontos e foi a ledicia de cativos e non tan cativos.

Logo, a presentación -e agasallo de exemplares- do conto de tradición oral ”A Manteiga”, recollido por Luís del Campo Prol e con ilustracións de Loiro (6º número da colección “Contos de Sempre” que edita a A.C.” AIRA DAS MANTAS”).

E xa como remate das actuacións, a Banda de gaitas de MACEDA.

Tamén houbo agasallos para os adultos, consistente en lotes de libros, por xentileza da Deputación de Ourense.

Todos os que actuaron  recibiron, tamén, o seu correspondente agasallo.

A totalidade dos actos programados tiveron unha grande acollida por parte do público que participou masivamente en todos eles; ao que axudou a climatoloxía, que fixo que o día das Letras Galegas 2015 brillase con luz de seu, para gozo de todos os asistentes.

A Asociación Cultural “Aira das Mantas” quere deixar constancia do seu agradecemento a todos os participantes, dos diferentes grupos, que dun xeito -absolutamente desinteresado- contribuíron a animar esta xornada festiva coas súas diversas actuacións e, especialmente ós compoñentes de Chouteiros e mais Debanadoira que coa súa inestimable colaboración para concertar a participación dos distintos grupos fixeron posible estivesen presentes para deleitarnos coas súas marabillosas interpretacións.

Así mesmo, quere deixar constancia da súa gratitude aos colaboradores que -dun ou doutro xeito- contribuíron para que esta celebración planificada se desenvolvera moi satisafactoriamente:

Alfarería AGUSTÍN; Artesanía MOURA; Artesanía OS ALEGRES; Concello de MACEDA; Deputación de OURENSE; Distribucións POZA; Librería EIXO; LOIRO (ilustrador do conto); Mobles ARTESA; Panadería AGUSTÍN.

GALERÍA FOTOS: