Letras Galegas 2017

Adicadas neste ano a CARLOS CASARES MOURIÑO.

Nado en 1941 na cidade de Ourense, Carlos Casares marchou a vivir con só tres anos a Xinzo de Limia, a vila da que seu pai era natural, e onde este exerceu como mestre durante décadas. A comarca da Limia deixou unha importante pegada na súa vida, reflectida na súa obra literaria.

Carlos Casares dicía que os escritores importantes non sempre eran personalidades interesantes. As persoas que o trataron adoitan coincidir en que no seu caso non só foi un escritor de altura, senón tamén unha persoal especial, dialogante, gran conversador e cun humor especial. Canto do Casares máis íntimo hai na literatura que produciu e cando empezou a se definir o Carlos que logo sería escritor?
Carlos foi un neno normal, traste, pero moi escoitador e moi sedutor. Interesáballe todo aquilo que escoitaba, sobre todo as narracións que nos contaban o noso avó e a nosa avoa paternos. Tiñan dúas formas de narrar distintas: el era un home moi obxectivo, sen ningunha concesión á fantasía, e contaba sobre todo cousas que lle ocorreran na vida; a nosa avoa era unha muller máis dada á fantasía, a falar da Santa Compaña, dos desaparecidos.

El dicía en ‘Un País de palabras’ que quen máis lle influíu no seu xeito de narrar foi o avó Herminio, máis pegado, como acaba de dicir, á realidade, pero quizais hai nas páxinas que deixou escritas tamén algunha pegada da avoa Francisca.
Penso que as dúas formas de narrar influíron na súa posterior capacidade para contar cousas, para contar o mundo, como el dicía. Eu non son especialista en literatura, só un lector empedernido, pero Vento Ferido, Cambio en tres e Xoguetes para un tempo prohibido son títulos onde pode haber algo de autobiografía e de experiencias vividas, mentres que logo hai outra forma de narrar, que é a de Un país de palabras, Ilustrísima e Os escuros soños de Clío, onde aparece ese humor tan retranqueiro que tiña Carlos, que formaba parte da súa vida tamén, da súa relación coa xente. Era un home cun humor moi fino.

A novela ‘Ilustrísima’, malia non ser autobiográfica, está inspirada nun parente que foi arcebispo de Santiago de Cuba. A partir da realidade, crea un personaxe literario entrañable nun libro cheo dese seu humor, e cunha mensaxe a favor da tolerancia e contra o fanatismo que están tamén na cerna do seu pensamento.
Pois si, Enrique Pérez Serantes, primo carnal da nosa avoa materna, influíu para perfilar o personaxe de Ilustrísima. Primeiro foi bispo de Camagüey e despois arcebispo de Santiago. Era un home bonachón e moi liberal. En prinicipio abrazou á revolución de Fidel Castro fronte á ditadura de Batista. Ignacio Uría, catedrático de Navarra, ten un libro que titula Iglesia y Revolución en Cuba. Enrique Pérez Serantes (1883-1968): el obispo que le salvó la vida a Fidel Castro, e o que di o título é certo. Viña con frecuencia a España, cada tres ou cada catro anos, e unha visita obrigada era a nosa casa. Coñecémolo sendo pequenos e, efectivamente, a Carlos sempre lle chamou a atención o bonachón que era, lonxe da visión que podería ter dun bispo como unha persoa altiva.

Esa referencia familiar explica tamén que de neno quixera ser bispo, pero con moto e casado.
Con moto, con cabalo e casado (ri). A familia por parte da nosa nai era moi clerical, ela tiña dous irmáns curas e ao quedar orfa de pai moi noviña, con nove anos, criárase cun cóengo da catedral de Ourense, Faustino Pérez Congil, primo carnal da nosa avoa. Un dos nosos tíos tiña unha moto, unha “Norton”, e outro tiña un cabalo, e Carlos quería aproveitar iso de cada un e ser un bispo casado.